13.Mar.2014 Aclaración ao respeito do noso convenio
Dada a recente constancia de certas “informacións” das que esta asociación tivo coñecemento a través dos seus socios relativas á unha suposta “caducidade do colectivo da dobraxe na comunidade galega”, APRADOGA quere reiterar aos seus asociados e ás empresas para as que estes traballan a situación actual do noso marco regulatorio. Aínda que xa se mandou un comunicado con idénticos fundamentos xurídicos a primeiros de xullo do ano pasado, compre, reiteralos case un ano despois e manifestar:
Primeiro, o convenio denunciado no 2006 contén unha cláusula de ultraactivade indefinida que di “[…] En calquera dos casos, o convenio seguirá en vigor en toda a súa amplitude mentres non sexa substituído por outra redacción definitiva.” (artigo 3, último parágrafo).
Segundo, é aplicable, por remisión da Disposición Transitoria 4ª da Lei 3/2012 de 6 de xullo ao artigo 86.3 do Estatuto dos Traballadores na súa última redacción dada pola devandita lei, o disposto no parágrafo cuarto do citado artigo 86.3 que establece que “[…] Transcurrido un año desde la denuncia del convenio colectivo sin que se haya acordado un nuevo convenio o dictado un laudo arbitral, aquél perderá, salvo pacto en contrario, vigencia y se aplicará si lo hubiere, el convenio colectivo de ámbito superior que fuera de aplicación.”
Entendemos, por tanto:
Que o noso convenio segue e seguirá en vigor en tanto non se acade a renovación convencional actualmente en proceso de negociación, non sendo de aplicación o prazo de caducidade que establece a “Ley 3/2012, de 6 de julio, de medidas urgentes para la reforma del mercado laboral”.
Esta interpretación que hai un ano APRADOGA baseaba na mellor doutrina xurídica viuse ratificada nas resolucións dos diversos tribunais laborais que, no exercicio da súa función normalizadora do ordenamento xurídico, foron incorporando tal liña interpretativa nas sentenzas dos procesos de conflito colectivo sustanciados dende a entrada en vigor da Lei 3/2012. Se cadra a máis relevante das resolucións ao respecto, e a máis importante por ser a primeira e pola entidade do órgano dictaminador, sexa a Sentenza 149/2013 da Audiencia Nacional de 23 de xullo, na que con claridade meridiana declara como válidas as cláusulas sobre vixencia da ultraactividade contidas nos convenios colectivos anteriores á Lei 3/2012, recoñecendo que tales convenios seguen sendo vinculantes aínda que transcorra o ano ao que se refire a Disposición Transitoria 4ª desa lei. Pero outras moitas poderían terse citado que recollen a mesma tese. So a título de exemplo cabe citar as seguintes sentenzas: 950/2013-CB do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade de Madrid de 18 de novembro, a 1030/2013 do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade de Murcia de 28 de outubro, a 403/2013 do Xulgado do Social n.º 4 de Santander de 11 de novembro, a 349/20135 do Xulgado do Social n.º 7 de Bilbao de 8 de outubro, ou a 445/2013 do Xulgado do Social n.º5 de Vigo de 29 de agosto.
E terceiro, APRADOGA ten como primeiro e fundacional mandato estatutario a defensa da legalidade no sector, polo tanto, e –en cumprimento do mesmo– fomentará todas cantas accións en defensa da mesma se leven a cabo, ben individualmente asistindo aos seus socios, ben colectivamente apoiando aos axentes sociais e organizacións cos que, de sempre, ven colaborando asiduamente.