02.Nov.2009 1ª Xornada Dobraxe e Idioma: 25 anos de normalización lingüística
O 31 de outubro tivo lugar a I xornada de dobraxe e idioma que organizou a asociación de profesionais da rama artística da dobraxe de Galicia, APRADOGA, en colaboración coa secretaría xeral de política lingüística, o concello de Ames, o consorcio audiovisual de Galicia e a fundación AISGE (Artistas Intérpretes, Sociedad de gestión) que preside Pilar Bardem. A actividade formativa desenvolveuse a partir das 10,00 h. no Pazo da Peregrina en Bertamiráns (Concello de Ames).
A xornada constou de catro mesas de diálogo: “A tradución audiovisual”; “Adaptación, corrección e desenvolvemento”; “A dobraxe como instrumento normalizador” e “Presente e futuro do idioma galego”. Así mesmo contou coa presenza dunha ducia de relatores, entre os que se atopan filólogos, tradutores, correctores lingüísticos e profesionais do audiovisual galego como Charo Pena (voz de Meryl Streep, Julie Andrews, ou Susan Sarandon), Tacho González (protagonista da exitosa teleserie Padre Casares) ou Luís Iglesia (protagonista da serie Matalobos e voz habitual na versión galega de Robert de Niro, Harrison Ford, Mel Gibson, Paul Newman…), entre outros.
Importancia da dobraxe e a tradución
Esta xornada coincide co 26 aniversario da Normalización Lingüística e os 25 anos da dobraxe en galego. A dobraxe considérase fundamental como elemento normalizador e normativizador da nosa lingua, e non só pola posibilidade de desenvolver esta actividade en galego, pola consecuente competitividade lingüística co castelán, ou pola súa achega para ver como propia unha parte do audiovisual producido en Galicia, senón polas múltiples disciplinas que é necesario manexar para a correcta execución do oficio.
Do mesmo xeito, a tradución (que obriga a verter ao galego realidades históricas, sociais, culturais, lingüísticas, etc. tan diversas e ricas como é quen de ofrecer a cinematografía mundial), o proceso de adaptación-axuste (que esixe un coñecemento profundo a niveis sintácticos, semánticos, fraseolóxicos…), e a propia gravación (onde o manexo da fonética, a prosodia, os recursos expresivos da voz falada, os acentos, etc. son de uso constante e inevitable) fan do oficio un eido complexo e único que fornece de traballadores cualificados outros campos do audiovisual, dos medios de comunicación ou do teatro.